Artículo

O nome celta provén da forma plural keltoi usada polos historiadores e geógrafos gregos para definir a un numeroso pobo esparexido na Europa transalpina e a Península Ibérica ao redor do ano 600 a. C.

Este grupo humano, que desenvolvera unha cultura moi avanzada no principio da Idade de Ferro (cultura de Hallstatt), comeza un movemento migratorio de persoas, pero sobre todo de ideas, que lle leva a ocupar un área xeográfica inmensa, desde Irlanda a Polonia e de España a Turquía, absorbendo e ?celtizando? aos pobos de estadios culturais menos avanzados e fundíndose cos máis avanzados, coa creación de novas culturas, como no caso dos celtíberos ou dos celto-ligures.

A súa desaparición prodúcese no século I d. C. por mor da presión combinada de romanos, xermanos e dacios. Moitos pobos celtas foron romanizándose e creando un conglomerado de costumes e razas.

O enorme mosaico que representa o pobo celta non é susceptible de ser definido facilmente. Todas os seus xestas e historias eran narradas oralmente, e a escritura soamente usábase con fins máxicos, así que non temos documentos directos como no caso dos seus contemporáneos gregos ou romanos. A fonte clásica máis importante que temos é a de Xullo César, coa súa obra A Guerra das Galias.

Non construíron grandes pontes nin murallas, nin deixaron obras escritas porque daban máis importancia ao ensino oral que á letra morta. Os seus templos tiñan un teito de estrelas, chan de terra e, como paredes, os bosques de aciñeiras. Con todo, deixaron unha forma de pensar e un folclore que alimentou a Europa como un río subterráneo durante a Idade Media, e ata agora conservamos numerosos vestixios seus na cultura popular.

Os celtas non chegaron nunca a formar un reinado ou imperio que os unise. Vivian en tribos, cada unha rexida polo seu xefe, e raramente uníanse entre eles para enfrontar a un inimigo externo ou doutra tribo celta. Esta foi unha das principais causas polas que foron vencidos. Faltoulles unidade, cohesión entre eles. Con todo, eran moi valerosos e con gran sentido da honra. Pola contra, mostraban unha gran conciencia de grupo cando un individuo cometía unha falta. Por exemplo, se ocorría un asasinato, todo o clan respondía do delito.

As mulleres celtas tiñan unha participación activa nas actividades políticas e militares. Participaban nas asembleas e tiñan os mesmos dereitos e obrigacións na maioría das tribos.

A alma do pobo celta e o factor aglutinador constituíano os druídas. Eran os sacerdotes, conselleiros, políticos, médicos e filósofos. Alleos a calquera poboado en concreto, pertencían a todos eles.

Todo celta podía aspirar a ser druída, pero chegar a iso era realmente difícil, sendo necesarios longos anos de arduo traballo. Desenvolvían coñecementos de filosofía, astronomía, adiviñación, o alfabeto secreto dos druídas e, sobre todo, era necesario levar un estilo de vida moral. Este período, xunto coas súas probas, podía durar ata vinte anos.

A súa filosofía baseábase en que o home é o fillo do matrimonio entre o firmamento e a terra: un microcosmos con parte celeste e parte terreal; polo tanto, non había que ter temor á morte nin ao máis aló. Predicaban o amor á vida en todas as súas manifestacións e o sentido da unidade do cosmos.

A herdanza druídica fixo que as calidades máis apreciadas para un celta fosen xustiza, valentía e honra: ?A verdade está nos vosos corazóns,
a forza está nos vosos brazos, a realización, nas vosas linguas?.

Rescatemos a herdanza espiritual do pobo celta, o seu valor ante a vida e a morte e o seu sentido de unión coa natureza e o cosmos, para forxar un mundo novo e mellor.

Julián Palomares