PREHISTORIA
Vigo e a sua bisbarra estiveron povoadas desde tempos remotos. Sen embargo, até o momento non se localizou nengun xacemento paleolítico e os poucos achados que se poden datar na Idade de Pedra son meio centenar de útis tallados en cuarzo e cuarciña. A maior parte destas pezas pertencen á colección do Museu Municipal de Castrelos.
Encanto ás manifestacións culturais do Neolítico, hai que apontar o achado de diversas machetas de man, algunhas de carácter claramente vetivo. Dentro deste período revesten grande interese as construccións funerárias da Cultura Megalítica. Trata-se de monumentos funerários, databeis entre os anos 3.000 e 1.800 a. de C. denominados túmulos. Coñece-se a existéncia de trinta e sete túmulos, situados na cadea montañosa do perímetro municipal, e hai constancia da existéncia de alguns mais xa desaparecidos.
dos primeiros tempos da metalurxia, na transición do III ao II milénio a. de C., hai un numeroso conxunto de gravados rupestres con representacións de motivos xeométricos, armas e fauna.
Diversos achados cerámicos, armas de bronce e mais gravados rupestres indican-nos a pervivencia da ocupación humana na chamada Idade de Bronce, databel entre o ano 1.900 e o 800 a.C.
A cultura castreña, que abranxe toda a Idade de Ferro, se desenvolveu en Galicia desde o século VIII a.C. até o fin do I d.C., xa na época romana. Esta cultura deixou en Vigo importantes improntas, como mostra a existéncia de 26 povoados de castros catalogados. Este dado leva a pensar que nesta época Vigo tivo unha das maiores densidades de povoazón de toda Galicia. O maior destes povoados era o situado na ladeira do monte de Castro. Os seus habitantes vivian da agricultura, actividade que complementaban coa caza e a pesca. Eran peritos no traballo do ferro e da pedra.
A ÉPOCA ROMANA
En Vigo o proceso romanizador é moi cedo e intenso. Evidéncias arqueológicas indican unha importante actividade portuária e comercial no litoral vigués desde o século II a.C., desenvolvendo-se un progresivo proceso de romanización, consolidado durante o século I d.C., unha vez estabelecida a pax romana.
O proceso de romanización durou perto de seiscentos anos dos que ficaron relevantes vestíxios, investigados en numerosas excavacións arqueológicas: vilas (villae) esparexidas por todo o litoral (Alcabre, Toralla…), restos de instalacións portuárias, cales, instalacións produtivas (salinas e fábricas de salgazón), necrópolis, restos subacuáticos... ademais da intensa romanización dos povoados castreños do município.
Recentes intervencións arqueológicas no Areal e no Casco Vello poñen de manifesto a posíbel existéncia, alomenos entre os séculos III e VIN d.C., dun importante asentamento humano, o vicus romano.
A IDADE MEIA
Contamos con moi pouca información, espécialmente da alta idade meia. Foi un tempo no que as frecuentes incursións da pirataria procedintes do norte de Europa fixeron que a povoazón se desplazase cara o interior en busca de mais seguranza.
Durante a Idade Meia, a igrexa dominou a sociedade galega. Vigo dependeu durante moitos anos do monasterio cisterciense de Melón.
Existe constancia documental do ano 1.024 dunha cita da igrexa de Bembrive e, posteriormente, de outras 15 igrexas románicas no actual termo municipal que proban un povoamento importante no área nos séculos XI, XII e XIII, con localizacións iguais ás paróquias viguesas de hoxe en dia. deste período só fican tres: Santiago de Bembrive, San Salvador de Coruxo e Santa María de Castrelos, esta última con interesantes pinturas murais de época renacentista. da idade meia tamén perviven duas pontes en Sárdoma e Fragoso e restos románicos na ermiña do Freixo en Valadares, e nas igrexas barrocas de Sárdoma e de Santa Cristina de Lavadores.
A partir do século XII, Vigo comeza a recuperar povoazón, pero segue estando sometida a un estrito controlo do poder eclesiástico e dos señores feudais. A paróquia de Santiago de Vigo era a mais importante da vila. A Coroa outorgaba-lle a Baiona a faculdade de poder comerciar por mar con outras cidades e ésto limitaba o desenvolvimento de Vigo. Foi por este tempo cando Martín Códax compuxo as suas fermosas Cantigas de Amigo.
DO SÉCULO XV AO XVIII
A pesar do periódico azoute dos corsarios, a vila vai medrando. Cobra importáncia a actividade artesanal e o comércio, pero o grémio mais relevante é o de mareantes. Alguns documentos reflecten xa nesta época a importáncia que tiña a pesca de sardiña. En 1573 asinou-se a primeira ordenanza que regula esa pesquería na ria.
En 1587 a vila conta con 868 viciños, pero os andazos de peste e a pirataria diezman a povoazón. Os armadores vigueses organizan a defensa e conseguen da coroa a patente de corso para saquear os barcos comerciais inimigos.
En 1702 produce-se a batalla de Rande. A frota anglo-holandesa persegue dentro da ria á Frota da Prata española e os barcos de guerra franceses que a escoltaban. Esta importante frota, carregada de riquezas procedintes de América, é destruída despois dunha cruenta batalla en mar e terra. Ainda hoxe fican restos deste episodio bélico nos fondos de Rande.
En 1778 Carlos III rompe co monopólio dos portos autorizados a comerciar con América e Vigo comeza a beneficiar-se do tráfico de alto bordo. Por esta época a vila estaba completamente pechada con unha muralla, construída con motivo da Guerra de Restauración Portuguesa ante o temor dunha invasión. Perto do mar estaba o bastión de Laxe. no lado oposto, o castelo de San Sebastián. ao longo da muralla abrian-se sete portas: a de Falperra, Berbés, o Mar, Laxe, Gamboa, Sol e a do Pracer.
A chegada á cidade na segunda metade do século XVIII de comerciantes e industriais catalans subpón unha pequena revolución económica. Proliferan as fábricas de salgazón, xabón e productos de coiro e liño.
O SÉCULO XIX
Como outros moitos lugares do estado, Vigo foi ocupado polo exército francés en 1809. A resisténcia popular a esta invasión provoca un erguemento que acaba con un asalto ás murallas e coa expulsión dos militares galos. Este episodio motivou a concesión a Vigo do título de cidade Fiel, Leal e Valorosa.
En 1833 se acondiciona o camiño real que leva a Madrid, coñecido como estrada de Castela ou de Villacastín. Un ano despois acaban-se as obras de construcción da Colegiata por Melchor de Prado, posto que o antigo templo fora destruído en un dos numerosos saqueos sofridos pola vila. A MEADOS de século crian-se a sucursal do Banco de España e o novo muelle de pedra. A cidade medra e os seus rexedores lembran demolir as murallas para facilitar a sua expansión.
A segunda metade do século XIX foi un período de contínua medra da cidade, propiciado, entre outras cousas, polo incremento das relazóns con América. Desde 1855 estabelecen-se servizos de comunicación marítimos periódicos Coa Habana, Bons Ares e Porto Rico. Unha década despois comeza a construcción do ferrocarril e as obras de recheo da ria para ampliar as instalacións portuárias. A liña Oren-se -Vigo inaugura-se en 1881.
neste tempo continuan abrindo-se na cidade fábricas de salgazón e de derivados de productos mariños, o que provoca a medra de povoazón salariada e tamén dunha burguesía financeira. Vigo expande-se extramuros coa apertura de novas ruas e a construcción de nobres edifícios de pedra. En 1880 cria-se a Caixa de Aforros de Vigo e un ano despois constitui-se a "Xunta de Obras do Porto". A finais da centuria, a cidade conta xa con 15.000 habitantes.
SÉCULO XX. O DESPEGUE ECONOMICO
coa entrada no século XX, a burguesía liberal viguesa toma nas suas mans os mecanismos de poder económico e político. Instalan-se novas indústrias ao tempo que melloran as comunicacións e crian-se novos planos para ensanchar a cidade. En pouco mais de dez anos se duplica a povoazón (en 1910 habia 30.000 hab). Segundo avanza o século, Vigo absorbe os municípios limítrofes de Bouzas e Lavadores.
no primeiro tercio do século XX, o porto de Vigo está unido á imaxe de mis de galegos que se embarcaron rumo á emigración americana. Outro símbolo é o tranvia, que comezou a funcionar en 1914. A cidade ferve neste tempo con unha enorme actividade social. Abundan os periódicos e semanários, as asociacións e as organizacións de carácter político ou sindical. Todo este dinamismo ficou neutralizado co estalo da Guerra Civil.
© Concello de Vigo