40 ANIVERSARIO DA MORTE DUN SONO

"Aprendemos a voar como os paxaros, a nadar como os peixes, pero non aprendemos a sinxela arte de vivir como irmáns"      M. L. King

Fillo maior dun ministro baptista, Martin Luther King naceu en Atlanta (Xeorxia) o 15 de xaneiro de 1929. Ingresou no Morehouse aos 15 anos e foi ordenado ministro baptista aos 17. Pero as primeiras leccións aprendeunas na rúa. El mesmo narra despois como tomou conciencia da cor da súa pel e do que significaba ser negro nos anos 30.
"Durante tres ou catro anos os meus compañeiros inseparables foron dous rapaces brancos cuxos pais posuían tendas na mesma rúa onde temos a nosa casa en Atlanta. De pronto, algo empezou a suceder. Cando cruzaba a rúa para reunirme con eles, os seus pais dicíanme que non podían xogar. Non eran hostís, desfacíanse en escusas. Non podía aguantarme máis e interroguei a miña nai. "
"Nunca puiden afacerme ás salas de espera separadas, ás salas de descanso separadas. En parte, porque a separación non era en igualdade de condicións e porque nada fería tanto o meu sentido de dignidade e do respecto coma esas separacións! ".
En 1951 graduouse en Teoloxía. Nesta época comeza a afondar nas ideas de Mahatma Gandhi, as cales se ían converter no centro da súa propia filosofía de protesta non violenta en América.

A súa loita comeza despois dun incidente protagonizado por unha muller negra en Alabama, que foi arrestada por negarse a ceder o seu asento a un home branco no autobús. A segregación racial en Alabama era estrita no transporte público; os negros debían sentarse na parte de atrás e ceder o seu asento aos brancos.

Martin planea o boicot ao servizo público de autobuses de Montgomery, de maneira que ningunha persoa negra viaxaría en autobús. Desenvolveuse como un acto pacífico de protesta que deu á comunidade negra un sentimento de forza e unidade. A protesta durou 381 días, nos que Martin foi arrestado e encarcerado, a súa vivenda foi destruída e recibiu moitas ameazas contra a súa vida. O Tribunal Supremo ordenou a prohibición da segregación no transporte público da cidade.

Entre 1957 e 1958 percorreu miles de quilómetros dando discursos por todo o país. Podía pasar unha semana no cárcere pola súa loita polos dereitos civís e á semana seguinte ser unha distinguida celebridade en Nova York, asinando exemplares do seu libro "O paso cara á liberdade". Precisamente, asinando exemplares do seu libro sufriu un atentado por parte dunha muller que lle cravou un abrecartas no peito, do que logrou recuperarse.

En 1959 realiza unha visita á India, onde puido desenvolver máis claramente a súa comprensión do satyagraha, principio de persuasión non violenta de Gandhi, que Martin se determinara a utilizar como principal instrumento de protesta social.
Despois dirixiu a histórica marcha sobre Washington (28 de agosto de 1963), que conmemoraba o primeiro centenario da abolición da escravitude en Estados Unidos. Aquí pronunciou o seu famoso discurso "Teño un sono", no cal imaxina un día en que "os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos se poidan sentar xuntos á mesa da fraternidade", un día onde os seus catro fillos non sexan "xulgados pola cor da pel, senón polos seus trazos de personalidade", e onde "os nenos e nenas negras poidan unir as súas mans coas dos nenos e nenas brancas..., como irmáns e irmás".
Aquel día moitos xornais publicaron que King se convertera no presidente extraoficial da América negra.

En 1964 recibía o Premio Nobel de la Paz con 35 anos. Dende entón, dedicouse a conseguir o dereito ao voto dos negros de Alabama. Tamén se opuxo á guerra de Vietnam, a que consideraba a causante dos problemas locais nas relacións humanas, obtendo moitos ataques e críticas por esta actitude.

Moitos atentados contra a súa vida precederon ao definitivo, o 4 de abril de 1968, en que segou a súa existencia aos 39 anos un matón a soldo mentres se encontraba en Tennessee.

A súa vida foi un exemplo de valor e fortaleza, pois realmente fai falta moita fortaleza para non ceder á tentación da violencia cando esta se exerce sobre o propio pobo e sobre un mesmo.
A lápida da súa tumba resume a súa máis intensa morriña: Libre á fin. Grazas, Dios Todopoderoso, son libre á fin".
Foi o fin dun home, pero non o do seu sono: a chegada dun día, aínda afastado, no que o odio e a maldade non aniñen no corazón dos homes. Nacera unha lenda.

Julián Palomares

We use cookies on our website. Some of them are essential for the operation of the site, while others help us to improve this site and the user experience (tracking cookies). You can decide for yourself whether you want to allow cookies or not. Please note that if you reject them, you may not be able to use all the functionalities of the site.